Novena semana
Xa falta moi pouco para que os de Dios e os Faria rematen a súa estadía en 1907. Imos empezar a penúltima semana e todo apunta a que un dos animais máis prezados das casas vai parir. A vaca dos de Dios sae de contas, e todos están á expectativa por se se produce a boa nova. O nacemento traeralles ledicia, pero tamén máis traballo, unha situación que se verá agravada para a familia de Dios pola emigración de Manu: o seu fillo maior, e principal apoio de Manolo, irá facer as Américas. Veremos como acae a noticia na familia.
Polo demais asistiremos á última visita de Arturo, o vendedor ambulante, que deixa o negocio polas moitas débedas que tén. E remataremos a semana con algo moi especial: as familias farán augardente. Todo isto na penúltima semana da Casa de 1907. Todos os martes, mércores e xoves na TVG.